Alalá – Os Abrentes na TVG2

O pasado mércores 12 de abril emitiron o programa “Alalá” onde se fala da A. C. Os Abrentes de Cerdedo na canle TVG2.

Aquí vos deixamos o programa para todos aqueles que aínda non o puideron ver:

Os Abrentes de Cerdedo son os herdeiros dunha inmensa fortuna: a enorme tradición musical que ten a comarca de Terra de Montes, unha zona onde houbo gaiteiros ilustres, como os gaiteiros de Soutelo; acordeonistas de sona; tres bandas de música a un tempo e pandereteiras en cada parroquia.

Pois ben, cada un dos Abrentes foi recollendo o saber de todos estes mestres para condensalo, ás veces, como grupo de gaitas e outras como charanga. Eles, que son oito, están encantados de ser os continuadores na transmisión de todo este tesouro musical.

As pandereteiras de Barro de Arén; Jesús Campos o dos Diplomáticos do Acordeón ou o coñecido gaiteiro e artesán Bartolo, son algúns dos mestres destes oito músicos dos Abrentes, entre os que hai un pai e un fillo e dous irmáns. Están convencidos de que a música une as xeracións e como xa a tiñan na casa só tiveron que decatarse do importante que era. Grazas a eles, segue habendo festa en Cerdedo, algo ao que os veciños estaban moi afeitos, pero que nos últimos anos foi indo a menos porque a xente marchou de alí para buscar traballo.

NOVA PÁXINA WEB!

Moi boas,

dende a Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo queremos anunciar a posta en marcha da nosa nova páxina web, que pouco a pouco se irá enchendo de novos contidos: www.osabrentesdecerdedo.com

Neste novo portal atoparedes toda a información da asociación ademáis de información das actuacións cunha axenda actualizada e novidades. Tamén poderedes introducir a vosa dirección de correo electrónico para seguir esta páxina e recibir as notificacións das novas publicacións no teu buzón de correo electrónico.

Como novidade tamén destacar que dende o propio portal web vos podedes poñer en contacto directo con nós mediante os formularios de contacto, deixar os vosos comentarios e compartir as entradas e diferentes seccións en: Facebook, Twitter, Correo electrónico, Whatsapp, Linkedin, Skype, WordPress, Google Plus e imprimir toda a información directamente.

Un saúdo.


A. C. Os Abrentes de Cerdedo
Máis de XX anos de música tradicional
osabrentes@gmail.com
www.osabrentesdecerdedo.com