PonteGal 2021

O grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo dentro do Plan “Pontegal 2021“.

A Deputación de Pontevedra impulsa e fomenta a cultura popular galega nas súas múltiples e variadas expresións artísticas.

Co fin de dota ás entidades interesadas dunha ampla oferta de grupo créase o Catálogo de grupos Pontegal da provincia de Pontevedra, que configúrase coma o inventario de grupos, artistas e compañías, nas súas múltipes e variadas expresións artísticas, co fin de favorecer e impulsar a actividade artística e a riqueza da cultura popular existente na provincia de Pontevedra.

Este catálogo pretende ser un instrumento vivo, útil e eficaz para o coñecemento dos diferentes grupos de música, teatro, danza e outras modalidades artísticas da provincia. Nel recollerase información detallada sobre cada un dos grupos ou artístas.

Documentación e tramitación en sede.depo.gal:


Onde atoparnos?

Para buscarnos no plan PonteGal’21 simplemente deberás introducir o seguinte nome no buscador do Catálogo de grupos: GRUPO DE GAITAS OS ABRENTES DE CERDEDO

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal). Teñen que presentarse cunha antelación de máis de 20 días naturais con respecto á data de realización da actuación, previamente comunicado co grupo de gaitas.


Bases do programa PonteGal

ADMINISTRACIÓN LOCAL

PROVINCIAL

DEPUTACIÓN PROVINCIAL

Outros documentos, notificacións e informacións públicas

BASES SOLICITUDES DE ACTUACIÓNS DE GRUPOS CON CARGO AO PROGRAMA “PONTEGAL” 2021

A Xunta de Goberno desta Deputación, na súa sesión ordinaria do 18 de decembro de 2020, acordou, entre outros asuntos, aprobar as seguintes bases:

SOLICITUDES DE ACTUACIÓNS DE GRUPOS CON CARGO AO PROGRAMA “PONTEGAL” 2021

BASES

Primeira. Obxecto

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cultura, impulsa e fomenta a cultura popular galega nas múltiples e variadas expresións artísticas. Así, as distintas entidades sen fins de lucro levan a cabo actuacións, no seu ámbito territorial, cos distintos grupos acollidos ao programa “Pontegal”.

A través deste programa retribuiranse os grupos da provincia inscritos no Catálogo de grupos Pontegal da provincia de Pontevedra polas actuacións autorizadas e realizadas ao longo do ano 2021 no ámbito territorial da provincia de Pontevedra coas contías establecidas para este fin.

Segunda. Dotación e imputación orzamentaria

A concesión das actuacións estará suxeita á dispoñibilidade orzamentaria e convócanse con cargo á aplicación 21/330.3340.226.29 cun importe total de 300.000,00 €.

Terceira. Entidades destinatarias

As entidades solicitantes poderán ser as agrupacións e asociacións sen fins de lucro da provincia de Pontevedra e as entidades locais menores.

As entidades interesadas, como organizadoras dos actos, débense poñer en contacto cos grupos inscritos no Catálogo de grupos Pontegal da provincia de Pontevedra para concretar a data da actuación, coñecer as condicións e facilitarlles o concerto ou a posta en escena da obra. Os grupos disporán dun escenario ou marco adecuado para que poidan efectuar a súa actuación sen impedimento ningún.

Cuarta. Solicitudes excluídas

Quedan expresamente excluídas do ámbito do programa “Pontegal” 2021:

• As solicitudes efectuadas por persoas particulares, empresas, comunidades de montes, centros educativos e as ANPA

• Aquelas peticións de grupos que superen os límites establecidos na base décimo segunda desta convocatoria

• Os concellos

Quinta. Presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra
(https://sede.depo.gal).

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realizase a emenda. En todo caso, se tal emenda se fixese fóra do prazo de presentación de solicitudes esta deberá limitarse á presentación electrónica do xa entregado de xeito presencial, sen que poidan engadirse outros datos ou documentos ou rectificar os xa achegados.

Para a presentación das solicitudes a Sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal), e os certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Sexta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de actuacións comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

As solicitudes deberán presentarse cunha antelación de máis de 20 días naturais con respecto á data de realización da actuación.

Sétima. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

• NIF das entidades solicitantes

• Domicilio fiscal das entidades solicitantes

• Certificación de estar ao corrente coas obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda autonómica e coa Seguridade Social

No caso de que as persoas interesadas se opoñan ás devanditas consultas, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Oitava. Documentación

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, necesaria para a tramitación do procedemento:

• Publicidade en galego do evento na que figure o logo da Deputación de Pontevedra.

Achegarase cartel en formato PDF, JPG ou PNG.

Novena. Notificacións

As resolucións e actos administrativos notificaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións practicaranse a través da Carpeta Ciudadana e de Dirección Electrónica Habilitada única. Ambos os sistemas son accesibles desde a Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.

As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen 10 días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

O sistema remitiralles ás entidades solicitantes avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo electrónico indicada na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos a Deputación de Pontevedra practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décima. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes e as súas emendas

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento efectuaranse por medios electrónicos a través do modelo “instancia xenérica” dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra,
https://sede.depo.gal.

Se a solicitude non reúne os datos esixidos na convocatoria ou calquera dos previstos no artigo 66 da LPACAP requiriráselle á persoa interesada, de conformidade co establecido no artigo 68 desta lei, que nun prazo de 10 días hábiles emende as faltas ou presente os documentos preceptivos e indicaráselle que, de non facelo, se terá por desistida a súa solicitude, que se arquivará sen máis trámites.

Décimo primeira. Obrigas das entidades beneficiarias

As actividades para as que se soliciten actuacións con cargo ao programa “Pontegal” deben ir dirixidas ao público en xeral e ser de entrada libre.

As entidades ás que se lles autoricen actuacións con cargo a “Pontegal” están obrigadas a:

• Facer a publicidade das actividades en lingua galega, empregar unha linguaxe non sexista e introducir o logo da Deputación de Pontevedra nun lugar visible; de non ser así quedarían excluídas da axuda

• Facilitar a colocación da publicidade estática (roll ups) proporcionada pola Deputación de Pontevedra nun lugar visible

• Obter todas as autorizacións e permisos necesarios para o bo desenvolvemento da actuación

• Aboar as taxas da SGAE, cando corresponda

• Notificar os cambios que se puidesen producir e no caso de que a actuación non se levase a cabo tamén deben poñelo en coñecemento desta Deputación

• Cumprir coa normativa de seguridade e hixiene vixente no momento, así como as recomendacións das autoridades competentes relativas á COVID-19 no desenvolvemento da actividade

• Emitir un certificado acreditativo de que o grupo realizou a actuación para poder proceder ao pago da factura correspondente

Décimo segunda. Adxudicación das actuacións

A adxudicación das actuacións apostará polo equilibrio territorial e pola diversificación das categorías na repartición de fondos e determinarase aplicando os seguintes criterios:

• Atenderanse as solicitudes que realicen as entidades peticionarias para un único evento mensual ata un máximo de seis eventos anuais

• Dúas entidades distintas non poderán presentar unha solicitude de actuación para o mesmo evento

• O importe máximo das actuacións autorizadas ás entidades peticionarias para cada evento establécese na cantidade de mil seiscentos euros (1.600,00 €)

• Para a súa concesión é preciso que acompañen o cartel publicitario da actividade (evento) para a que se solicita. No cartel debe figurar: o nome do peticionario, o nome do grupo que se solicita, a data e o lugar da actuación e incluirá o logo da Deputación de Pontevedra. O cartel achegarase en formato PDF, JPG ou PNG

• En calquera caso, a concesión das actuacións queda suxeita á dispoñibilidade orzamentaria

• No caso de insuficiencia de crédito para atender todas as solicitudes, daráselles prioridade a aquelas solicitudes de grupos cun menor número de actuacións, sempre que estas cumpran cos requisitos establecidos nestas bases

Décimo terceira. Pagamento

O pagamento das actuacións autorizadas con cargo a este programa efectuaráselle directamente ao grupo, para o que deberá achegar o certificado acreditativo da realización da actuación asinado pola entidade peticionaria e, en todo caso, realizarase de acordo con todo o disposto nas bases reguladoras para a creación do Catálogo de grupos Pontegal da provincia de Pontevedra aprobado por esta Deputación.

Décimo cuarta. Vixencia

As solicitudes de actuacións con cargo ao “Pontegal” terán vixencia durante todo o ano 2021 e estarán condicionadas á existencia de consignación orzamentaria.

Décimo quinta. Órgano de aprobación

De acordo co establecido na base 16.2 das bases de execución do Orzamento para o ano 2021 o órgano competente para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

Décimo sexta. Publicidade da convocatoria

Estas bases reguladoras publicaranse no BOPPO e na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal).

Décimo sétima. Protección de datos

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán obxecto de tratamento pola Deputación de Pontevedra, en calidade de órgano responsable, coa finalidade de xestionalo, verificar os datos e documentos que a persoa interesada declare na súa solicitude para comprobar a súa exactitude e levar a cabo todas as actuacións administrativas que, no seu caso, deriven.

A lexitimación para o tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha tarefa de interese público ou no exercicio de poderes públicos segundo as normas de rango legal recollidas no apartado “normativa aplicable” dispoñible na ficha de procedemento en https://sede.depo.gal.

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán obxecto de comunicación ás administracións públicas no exercicio das súas propias competencias ou cando sexa necesario para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou revogar o consentimento segundo o previsto en
https://depo.gal/proteccion-de-datos/exercicio-de-dereitos.

Décimo oitava. Normativa supletoria

Para todo o non establecido nestas bases aplicaranse as de execución do Orzamento provincial e a demais lexislación aplicable.


Enlace: https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2020/12/22/2020057175

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s