Ruada en Barro de Arén!

Dende a Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo sumámonos a esta boa iniciativa do Colectivo Portalén, unha ruada en Barro de Arén o día 21 de xuño homenaxeando ás Pandereteiras de Barro de Arén.

Ruada en Barro de Arén.jpg

O grupo de gaitas non é a primeira vez que participa nunha homenaxe ás pandereteiras, no 2006 xunto con Leilía, Donicelas, Xirandola e O Tear de Llerena no Teatro Principal de Pontevedra na presentación do seu disco “Cerdediño p’rós amores”.

homenaxe.jpg


Alalá – Televisión de Galicia


Os Abrentes de Cerdedo, forte ligazón coas Pandereteiras de Barro

Nos máis de 10 anos (2003-2015) nos que as Pandereteiras de Barro de Arén permitiron compartir o seu local de ensaio, Os Abrentes tiveron ocasión de achegarse con elas á tradición máis pura, a que vén directamente dos nosos devanceiros. Nese tempo puideron desfrutar de moitos momentos de música compartidos, e ó mesmo tempo aprenderon moitas das pezas do seu repertorio. Froito desta interacción foi a gravación de “Como che vai miña rosa” co motivo dunha aparición conxunta dos Abrentes e As Pandereteiras de Barro de Arén no programa Luar da TVG.

Peza máis que coñecida dentro do mundo tradicional, xa Os Gaiteiros de Soutelo utilizárona nunha das súas gravacións. Na participación do programa Alalá da Televisión de Galicia, no ano 2009, gravouse coas Pandereteiras de Barro de Arén, na Eira da Pena (Cerdedo).


Barriño para cantar…

Naqueles tempos case tirados xa da memoria colectiva nos que non había radios, televisores e demais trebellos a meter barullo alleo nas casas, a xente cantaba. Cantaba mentres lavaba, mentres sachaba no millo, mentres apañaba no toxo, botaba nas patacas ou ía polo camiño, e por suposto cando había que facer a festa. Mais mentres non puido chegar ás aldeas o exceso, o luxo vilego de contratar un músico ou varios, cando había gañas de festa era a propia xente a que por forza tiña que poñer a música. E con tanto traballo como había, o que sobraban eran gañas de festa, claro. Na Terra de Montes, como en moitas outras partes do país galego, os mozos e mozas organizaban os seus propios bailes no inverno cando non había festas patronais á vista-, nuns determinados días na semana, como podían ser xoves, sábado e domingo. Rematábanse os traballos, axeitábase un baixo dunha casa ou mesmo unha corte, a quen lle tocaba aportaba o carburo para prender o candil, e á hora acordada, xeralmente logo da cea, ían aparecendo mozos e mozas para a festa, para a “Rúa”. Dúas ou tres mozas collían as pandeiretas e comezaba a foliada. Primeiro a jota, logo a muiñeira, e por suposto algún agarrado, e logo veña, que collan outras a pandareta que nós tamén queremos beilar. E así ata a media noite, troula rachada a base de bailes e cantares aprendidos nesa intensa escola que é a comunidade, a veciñanza, o pobo.

Na parroquia e Concello de Cerdedo, a mocidade das aldeas de Barro, Arén e Cernados, argallaba en conxunto as súas Rúas, repartíndose os días e podendo ir as mozas destes lugares a calquera dos outros dous. Os mozos tiñan máis liberdade de movemento, e chegaban de toda a contorna: Folgoso, Pardesoa, Figueroa, Castro, Meilide, Lourido, Carballás, Avelaíndo e mesmo Caroi -no veciño concello de Cotobade-, Soutelo de Montes ou Presqueiras, -no de Forcarei.

A xente de todos estes lugares conserva hoxe aínda ben acesa a memoria daqueles tempos, daquelas intensas noites nas que namoraban e botaban fóra do corpo a dureza do traballo no agro. Mais nestes comezos do Século XXI, cincuenta anos despois de que todo isto esmorecera, évos a xente deste lugariño de Barro de Arén a que máis está a reivindicar aquel seu xeito de facer a festa e de vivir as músicas das súas vidas, que pasaran de boca en boca ata ser herdanza súa por dereito. Herdanza que hoxe lle queren deixar tamén a toda a xente da súa Terra, para que a coñezamos e apreciemos como o que é, parte fundamental dese grandísimo ben común dos galegos e galegas que chamamos Cultura, e que vale tanto como nós o apreciemos.

PBA.jpg

Eu de coplas sei un cento…

Un cento ou dúas ducias deles, e nós quixeramos facer uns breves apuntamentos sobre o xeito que teñen estas mulleres de cantalas e acompañalas.

No tocar das pandeiretas, notamos que de principio a fin só se saen do patrón básico de cada tocata para marcar a volta no baile da jota, con ese característico repenique seu que comparten coas mulleres de moitas outras aldeas, e que en lugares coma o lindeiro Caroi (Cotobade) chaman “refollo”. No resto de bailes, atopamos que as pandeiretas non fan máis paradas, petos ou repeniques, nin sequera para marcar a volta na muiñeira, como si ocorre noutras parroquias de ben preto (Presqueiras, Figueroa, Castro, Quireza…). O instrumento cóllese ao xeito máis habitual na nosa Terra, mais sempre coa man esquerda aberta (no caso de sermos destros). Tanto é así, que as pandereteiras de Barro non lembran que as vellas de antes tocaran co puño pechado en ningún caso, cousa que tamén distingue a este lugar doutras parroquias coma as xa citadas. Tampouco tocan nin lembran que se tocaran outros instrumentos para acompañar ás pandeiretas, coma o pandeiro cadrado ou a lata de pemento. Se acaso unhas cunchas, pero nin moito.

No estilo do cantar da zona atopamos bastante estabilidade nas melodías e un timbre bastante natural en relación a outros lugares onde flutúan moito os tons, e o nivel de nasalidade é ben máis alto. Recréanse na ornamentación e matices dos cantares, mais con moito xeito, sen sobrecargas. Tamén tenden a altealos para que resoen as voces por riba das pandeiretas, pero sen chegar ao estilo case desgarrado doutras zonas galegas. A linguaxe tradicional resumiríao ben nun contundente “sábeno adonairar”.

No que se refire ás letras das cantigas, destaca que moitas, malia ser aprendidas no propio Barro, levan o retrouso en castelán e teñen un estilo común, sendo xeralmente jotas e valses. Isto fainos pensar nunha moi posible orixe foránea destes cantares, seguramente castelá, que habían traer os homes da zona cando voltaban de traballar de canteiros nas “Babias”, ou nas segadas de Castela. Pola outra banda, nas coplas que enchen estes cantares predomina o galego, lingua por suposto propia e habitual da nosa xente, e polo tanto ferramenta natural de comunicación tamén para as mulleres de Barro. Iso si, tamén nos sorprende que, de xeito aparentemente natural, ao cantar prefiran prescindir da súa habitual gheada na fala, así coma do chamado “-e paragóxico” ao final dos versos (cantar-e, saber-e).

Ficha da gravación:

Cantaron e tocaron:

  • Gumersinda Castro Porto (Ghumersinda das Dieghas, Barro 1927). Voz e pandeireta en todos os cortes agás o 1, 6, 7, 14 e 20.
  • Manuela Cortizo Medal (Manuela das Marianas, Cerdedo 1930). Voz e pandeireta en todos os temas agás o 1, 6 e 20-24.
  • Rosa Castro Porto (Rosa das Dieghas, Barro 1934). Voz nos cortes 2-5; 13, 15-18 e 26-32.
  • Alsira López Álvarez (Alsira dos Carballeiros, Barro 1926). Voz nos cortes 2-5; 13, 15-18 e 26-32.
  • Felicitas Martínez López (Feli da Helena, Barro 1932). Voz nos cortes 2-5; 13, 15-18 e 26-32.
  • María Martínez López (María da Helena, Barro 1939). Voz nos cortes 2-5; 13, 15-18 e 26-32.
  • Clara Ruzo Sueiro (Clara dos Ruzos, Meilide 1935). Voz e pandeireta nos cortes 13, 15-18 e 26-32.
  • José Cortizo Martínez (José da Fonte, Barro 1926). Voz nos cortes 6, 13, 31 e 32.

Tamén axudaron:

  • Sinda: voz no corte 19.
  • Marcelino:bucios no corte 1.
  • José da Bandeira : pandeireta no corte 32.
  • Guillerme Ignacio Costa: gaita de fol nos cortes 13 e 32.

Produción musical: Pandereteiras de Barro de Arén/Guillerme Ignacio Costa.
Técnico de son: Valentín.
Deseño gráfico: Tent’a Toura.
Textos: Guillerme Ignacio Costa.

Gravado e mesturado nos estudios Phonos da Estrada entre os meses de Decembro do 2005 e Febreiro do 2006.

O noso fondo agradecemento ao Concello de Cerdedo pola seu decidido apoio a este proxecto. Tamén graciñas a José de Xirandola pola súa colaboración, e a Xerardo Albela dos Raiceiros polo punteiro de si.

Guillerme Ignacio Costa

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s