Xa van 25 anos do pasamento do mestre gaiteiro Ricardo Portela, o gaiteiro de Viascón. Neste ano 2017 estanse a suceder diversos actos e presentacións de traballos na memoria deste gaiteiro.
O grupo de gaitas da A. C. Os Abrentes de Cerdedo sempre tivo moi presente o repertorio deste gaiteiro, dende o seus traballos discográficos en solitario: Festa en Viascón ou Alborada en Cotobade ou no seu disco co seu irmán Jesús chamado Irmáns Portela. Repertorio coma Jota da Guía, Pasodoble de Viascón, Marcha Procesional do San Benito, Foliada de Pradenda, Loliña, O fandango da vella, Aires de Pontevedra e moitas máis, quedarán sempre no recordo da nosa tradición reflexados nestas obras, máis que mestras, onde se pode escoitar unha gran limpeza, clase, estilo e toque pechado tan característico.
Neste ano 2017 editouse un traballo discográfico do músico Oscar Ibáñez adicado a este gaiteiro: Aires de Pontevedra, gravado coa gaita orixinal de Ricardo Portela e coa colaboración á percusión de Xosé V. Ferreirós (Milladoiro), Chuco Estévez Gonzalez (E-Trad), Gonzalo Caride (artesán-músico), Wenceslao Cabezas “Polo” (Escola Municipal de Danza do Concello de Vigo), Antón López “Toniño” (Treixadura), Manuel Solla (Os Cruceiros), Xosé Carlos V. Bouza e Jesús Corral Fernández (Xarabal), Miguel Souto (O Fiadeiro), Alberto Costas (PelePau), Manuel Alonso e Xosé María Gutiérrez (Noitarega). Temos que destacar a participación de Rubén Troitiño, membro dos Abrentes coma técnico de gravación.
Ademáis, o 24 de marzo celebrouse a Gala-homenaxe a Ricardo Portela – 25 Aniversario Pasamento no Teatro Principal de Pontevedra, presentándose o disco onde se puido ver e escoitar a gaita orixinal. Nesta gala participaron case todos os colaboradores deste traballo e de xente achegada e familiares de Ricardo.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria sumouse aos actos en recordo de Ricardo Portela, no día no que se cumpren 25 anos do pasamento do gaiteiro.
Na ofrenda floral que tivo lugar no Concello de Cotobade-Cerdedo, Anxo Lorenzo recordou que o mestre de Viascón foi “testemuño dese arranque da música tradicional cara ao eido do folk e mesmo foi fonte directa para moitos dos gaiteiros e gaiteiras que desde aquela abriron novos camiños para a gaita dentro da industria musical, con personalidade propia e cun espírito de innovación”.
Nun acto que tamén contou, entre outras, coas intervencións do alcalde do municipio, Jorge Cubela, xunto coas de diversos compañeiros e achegados do homenaxeado, o secretario xeral de Cultura fixo fincapé en que “o traballo realizado por Ricardo Portela é “alicerce fundamental de toda esa música de gaita de base tradicional que se produciu nas últimas décadas”.
Fonte: NoticiasVigo
Tamén, a Asociación de Gaiteiros Galegos celebrou a o venres 07 e o sábado 08 de xullo na cidade de Pontevedra o Memorial Ricardo Portela, memorial organizado en colaboración co Concello de Pontevedra, que naceu hai 18 anos coa finalidade de honrar ao Gaiteiro de Viascón, firme defensor da dignidade da gaita e do gaiteiro e mestre recuperador da forma de interpretar este instrumento en toque pechado, adquiriu nesta edición un carácter especial por se cumprir no pasado mes de marzo o 25 cabodano do seu pasamento.
O vindeiro vernes 18 de agosto farase en Caballedo un acto para recordar a figura de Portela.
25 aniversario do pasamento de Ricardo Portela – 18 de agosto na Praza Chan de Carballedo
- 20:30h: Homenaxe a Ricardo Portela na Praza do Concello
- 20:45: Festival folclórico a cargo de:
- Banda Unión Musical de Tenorio
- A. C. Os Trazantes de Tenorio
- Os Abrentes de Cerdedo
- A. C. Os Afoutes do Canon de Pau
Ademáis participará o músico Oscar Ibáñez na homenaxe, onde poderemos escoitar a gaita orixinal de Ricardo Portela.
Concello de Cerdedo-Cotobade | Deputación de Pontevedra
Descargar o cartel:
- Descargar – JPG (159KB)
- Descargar – Programación Verán Cultural Concello Cerdedo-Cotobade 17 (119KB)
- Descargar – Programación Verán Cultural Concello Cerdedo-Cotobade 17 (132KB)
Alalá – Televisión de Galicia
O Gaiteiro de Viascón, con quen estará o “Alalá” desta noite, non só foi un dos mellores gaiteiros da historia, senón o gran defensor da música tradicional galega na segunda parte do século XX.
El foi quen de unir todos os gaiteiros da época nos anos 60 e 70 para reivindicar a dignidade que merece o gaiteiro, porque durante moitos anos foi tratado como músico menor; chamarlle a alguén “gaiteiro ou gaiteiriño” chegou a ser apelativo de desprezo cara a unha persoa. As comisións de festas ou incluso o público non sempre foron respectuosos cos gaiteiros, así que Ricardo Portela destacou pola súa loita para reivindicar a figura do gaiteiro, sendo un dos precursores do festival de Ortigueira ou da Asociación de Gaiteiros Galegos.
A influencia musical de Ricardo Portela en grandes músicos de hoxe podémola ver no selo do toque pechado de Anxo Pintos ou Carlos Núñez, que eran parte da primeira banda “Xarabal” de Vigo da que o mestre Portela era padriño honorífico. A súa morte en 1992 foi un dos acontecementos máis tristes da nosa música no século pasado e a todas as homenaxes que se lle fixeron en vida engadíuselle a concesión da Medalla de Galicia en 1992, ou os sucesivos memoriais que se celebran na súa honra. Neste capítulo achegarémonos á figura dun dos gaiteiros máis importantes da historia de Galicia: Ricardo Portela, “O Gaiteiro de Viascón”.
Toque pechado
Documental divulgativo, realizado en 1984 coa intención de dar a coñecer a técnica de tocar pechado, empregada polos vellos gaiteiros, que por aqueles tempos se encontraba camiño da desaparición onde podemos escoitar a Ricardo Portela.
Ricardo Portela